Monday 13 de May de 2024

O Auditorio acollerá este domingo un concerto infantil dedicado a Manuel María, homenaxeado nas Letras Galegas 2016


O Concello de Riveira informa de que este domingo día 10 de abril, o Auditorio Municipal de Riveira vai acoller un concerto dirixido ao público infantil co que darlle a coñecer a obra de Manuel María, homenaxeado deste ano no Día das Letras Galegas.

Trátase do espectáculo “Todo me fala de ti”, con Magín Blanco e Uxía Senlle, que dará comezo ás 18 horas e ten carácter gratuíto.

Os creadores de “A nena e o grilo” e “María Fumaça” producen esta nova proposta musical na que estarán acompañados do acordeonista Santi Cribeiro, para interpretar un repertorio composto por cancións da súa nova produción Canta o Cuco, libro no que homenaxean ao autor das Letras Galegas 2016, Manuel María, e cuxo título fai alusión ao canto do paxaro como símbolo de confianza no futuro e vínculo de compromiso e espertar da enerxía da natureza e a terra.

“Todo me fala de ti” inclúe unha globalidade de ritmos e estilos musicais para vestir os versos de Manuel María que abrangue desde a música tradicional propia ata os universos próximos do pop e o rock, pasando polos aromas da canción de autor ou os aires latinoamericanos do tango e do son cubano.

Impulsada dende o Servizo Municipal de Normalización Lingüística, “Todo me fala de ti” é unha actividade pertencente ao programa de dinamización lingüística “FalaRedes”, promovido pola Consellería de Cultura e Educación –por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística– para a Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia.